Escusas para matar

Posted by franciscocastro - 30/09/15 at 03:09 p.m.

Escusas

En nome de Deus a xente mata, escraviza, encarcera. Sinálasen aos infieis para sacalos do medio porque non se lles considera humanos.

Por cartos a xente mata. Os países non se poñen dacordo, os xenerais envían á guerra aos que non a causan, os presidentes ollan cara outro lado.

En nome da patria a xente mata. Os gobernos poñen alambradas, despregan exércitos, esnaquizan cabezas das pobres xentes que só buscan vivir.

En nome da raza a xente mata. Os ideólogos sofistas proclaman encendidos discursos sobre a pureza. Os animais de rapina cravan as súas gadoupas no diferente.

En nome da xustiza a xente mata. Decrétanse penas de morte que nunca serven para amañar nada. A pena de morte é un asasinato legal.

En nome da verdade a xente mata. O malo é cando a verdade é un dogma que quen cuestiona merece morrer.

O asunto é matar.

Somos unha especie teimuda, absurda e, en moitos sentidos, absolutamente decepcionante e letal.

Os comentarios están pechados.