O franquismo sen superar

Posted by franciscocastro - 23/09/15 at 02:09 p.m.

Francisco-Franco

Antonte en El Intermedio, o historiador Ángel Viñas falaba do seu novo libro no que documenta como Franco, dende o mesmo 1936, se dedica a desviar axudas internacionais para atacar a fame en España, ás súas contas particulares. E que esa práctica de quedar con cartos que eran de todos, vaina manter ata case a súa morte. Concretamente a través de “cuestaciones nacionales” e aquelas cousiñas que se facían para meirande gloria da patria y olé.

Iso explica, en parte, a riqueza da súa familia.

Que Franco tamén era un corrupto non nos sorprende.

Era un asasino, un golpista, un dictador. Así que o de corrupto case que tanto ten comparado con todo o anterior.

Explicou o historiador que a diferencia doutros países, onde souberon cauterizar ben as feridas das súas épocas escuras, en España aínda non se pode falar con liberdade disto (e engadiu que o PP aínda non fixo condea do franquismo nunca) e que o actual goberno está a poñer moitos atrancos para que os historiadores poidan acceder a documentación que aínda queda por ver e analizar. E preguntábase, con falsa inxenuidade, que por que.

O franquismo só se superará o día en que os seus herdeiros ideolóxicos (Fraga foi demócrata porque non lle quedou outra, pero foi ministro, e moito tempo, de Franco) condenen aquel réxime, apliquen a Lei de Memoria Histórica e recoñezan que a República era un réxime democrático elixido libremente polos españois.

Logo xa veremos se debatimos doutras cousas. Pero deberían empezar por aí.

E todos iamos estar moito mellor.

 

Os comentarios están pechados.