Os nazis que veñen (que nunca se foron)

Posted by franciscocastro - 18/09/15 at 02:09 p.m.

amencer-dourado

Levo toda a vida pensando (a pesar de que son un fulano optimista) que o xénero humano non ten amaño, que somos un animal profundamente estúpido e que, queiramos ou non, imos cara o desastre. Iso si, contentos, pendentes da Champion, de Belén Esteban. Da nai que nos botou.

E como penso iso, no fondo non me sorprende ler que Amencer Dourado, ou sexa, os nazis gregos, poidan ser os que teñan a man da gobernabilidade en Grecia. Pode ser así mais a xente non se afecta. Cando é unha traxedia. Coherente, ademais, con outros nazismos disfrazados e, digamos, domésticos e andar por casa, como o comportamento nazi do goberno húngaro ao mandar aos seus policías mallar na xente que ten todo o dereito a pedir refuxio (as leis internacionais danlles ese dereito, tamén en Hungría), aínda que os que reciben as hostias, como puidemos ver nas imaxes, sexan nenos de dez anos aos que se lles abre a testa polo delicto de ser pobres, estranxeiros, machucados pola historia e a estulticia das persoas que nos gobernan aquí e aló.

Os nazis volven. Aínda que nunca se foron. Hainos por aquí e de novo, con absoluta desvergonza, rexurden, usando a democracia que queren destruír, por toda Europa.

Sorprende a preocupación e o medo da UE co asunto de se os países acatan as políticas de recortes ou as previsións de déficit ao tempo que non se preocupan, nada nadiña, de atallar esta besta fedorenta que só ten un obxectivo político: acabar con todo.

Xa nos laiaremos cando toque. Cando sexa tarde de máis.

Os comentarios están pechados.