Esas Letizias e os machismos de Estado

Posted by franciscocastro - 17/09/15 at 02:09 p.m.

Letizia

Hoxe, toda a prensa, unánime, fala de como a raíña Letizia “deslumbrou” coa súa roupa, os seus modelitos, a súa “elegancia”, etc., na visita que están a facer (non sei eu para que) polos EUA ela e o seu marido. Que a institución monárquica é unha cousa resesa é ben sabido, pero, de cando en vez, convén lembrar que eses “resesismos”, ademais, fomentan o machismo.

Por se alguén o esqueceu, a Constitución española (esa que se saca á luz estes días para lembrar a unidade de España) prohibe ás mulleres ser xefas do estado. Poden selo se non hai máis remedio. Por iso logo de Filipe virá unha muller a ocupar ese posto. Pero como se despisten os actuais monarcas e naza un neno…..daquela, vai haber un constitucional problema.

Mais, deixando isto a parte, o que non parece moi digno de aturar é a visión que se ofrece da muller dende o propio aparato do estado, no referido ao papel da raíña. Sen lembrar agora todos aqueles tempos nos que se falaba de Sofía como “unha gran profesional” (porque estaba caladiña e sorrindo e aturando a un home que non a quería e seica desprezaba paseando con outras publicamente; a boas horas ía consentirse se a situación fose a oposta…), a día de hoxe o aparato publicitario (os medios que cacarexan os “eventos” reais) profundan na visión da muller como simple obxecto decorativo e bonito.

Así, por exemplo, a Axencia EFE, hoxe, na súa crónica di: “La reina Letizia deslumbró con un elegante vestido negro y velado con gasa bordada que acompañó de unos «estilettos» en el mismo tono. La reina llevaba un favorecedor recogido en el pelo y unos pendientes largos de flecos”. Nin unha palabra sobre o sosísimo traxe do rei, por exemplo. Si sobre o propósito da viaxe e que recae por completo no varón: afianzar os lazos cos EUA, favorecer as inversións españolas alí e ailalelo e ailalalo.

O machismo apréndese. As Letizias axudan.

Os comentarios están pechados.