A cultura é unha chorrada

Posted by franciscocastro - 11/09/15 at 02:09 p.m.

Poesía

Un dos problemas máis graves que ten a cultura occidental é que dende sempre, no fondo, e tamén na descarada e impúdica superficie, considera que a cultura é unha chorrada. A meirande parte da xente coida que o que importa é só a economía. Que o que ten que ter presencia, importancia, atención, etc., é, precisamente, todo iso que xa ten presencia, importancia, atención, etc., é dicir, o que “produce”, o que dá beneficio, o que é “útil”. Por iso para os que nos gobernan, perfectos especímenes dese tipo de (liberal) pensamento, o que hai que meter nas escolas é “cultura emprendedora”, e non cultura da outra, que é unha chorrada. E por iso reducen horas de música, de filosofía, de arte. De todas esas chorradas.

Tan chorrada consideran a cultura, que ninguén sae á rúa protestar porque pechan librerías todos os días, ou porque o sistema editorial está a pasalas canutas para poder seguir traballando, ou porque os músicos teñan que ir traballar aos bares case que polas patatillas e unha cervexa, ou porque os concellos leven practicamente a cero os orzamentos para esta partida tan chorras.

Iso si, non se decatan de que grazas á chorrada da cultura, a vida, é moito máis vida. E que todo é máis fermoso grazas a algo tan fermoso e absolutamente chorras.

Os comentarios están pechados.