A xente está por enriba dos políticos

Posted by franciscocastro - 08/09/15 at 02:09 p.m.

Refuxiados

Coma sempre, a xente está por enriba dos políticos. Ou, cando menos, dos estados.

Estámolo vendo coa chegada dos refuxiados que fuxen da guerra. Mentres os dirixentes pensan en reunirse comisións facer estudos imos ir vendo a ver que se nos ocorre pero vai poñendo unha valla aí chámame aos antidisturbios, etc, a xente organízase. Redes de condutores solidarios para trasladalos. Familias que abren as súas portas para acollelos na súa viaxe. Contas abertas nos bancos onde as persoas de ben ingresan cartos. Pancartas de benvida. Por iso case que todos falan ben da xente nos distintos países polos que van pasando (ao tempo que falan pestes, por exemplo, do goberno de Hungría).

A xente organizouse mandando a paseo o estado.

Como cando foi o do Prestige.

Mentres o actual presidente do goberno, naqueles días, falaba de “hilillos de plastilina”, e dende Madrid se dubidaba sobre que facer, a xente arremangouse e comezou a quitar chapapote. Voluntarios de toda Europa viñeron a Galicia a botar unha man.

A xente, por sorte, está moi por enriba dos políticos.

Os comentarios están pechados.