Verdades de verán sobre o Libro e a Lectura 8: a todo o mundo lle gustan os libros

Posted by franciscocastro - 29/07/15 at 02:07 p.m.

nenos-e-libros

A todas as nenas e nenos lles gusta cantar. Se entras nunha clase de Educación Infantil e dis que hai que cantar, todos e todas cantan. Aprenden a canción e cantan. Ningún deles se preocupa de se desafina. Están centrados no pracer de cantar. E, por suposto, ningún deles ten aínda interiorizado que hai voces bonitas ou feas. Ningún sospeita que “non vale” para cantar.

A todas as nenas e nenos lles gusta debuxar. Se entras nunha clase de Educación Infantil e dis que hai que debuxar, todos e todas debuxan. Daslle un papel e ceras e eles debuxan. Ningún deles se preocupa da perspectiva, da combinación de cores, das formas ou tamaños. Só do pracer de debuxar. Ningún deles sabe que debuxa mal, que as liñas lle saen tortas. Ningún sospeita que “non vale” para debuxar.

A todas as nenas e nenos lles gustan os libros. Se entras nunha clase de Educación Infantil e lles dis que é tempo para ler, len. Collen eses libros moles, que poden dobrar, cheos de ilustracións fermosas, moi atractivos cheos de cores e de formas inauditas. E gozan do libro.

Cando medran, moitos non cantan, moitos non debuxan, moitos non len. Nalgún intre empezan a asociar algunhas actividades, con algo “escolar”. Aprenden o canon artístico e póñense fóra. Xa non lles interesa. Non “valen”. E, no caso da lectura, pasa a ser algo académico.

Levamos todo o verán así: hai que asociar lectura e lecer, lingua e pracer, fantasía e benestar, libros e beleza. Deixalos ler e non ler. Pechar os libros. Abrilos cando lles pete.

Porque no fondo, a todo o mundo lle gustan os libros.

Os comentarios están pechados.