Verdades de verán sobre o Libro e a Lectura 7: A Emoción

Posted by franciscocastro - 28/07/15 at 02:07 p.m.

Emoción

Por algo que aínda neurólogos,  psiquatras, psicólogos e demais especialistas non saben explicar, as emocións arraigan con tal forza dentro de nós que nin sequera cando doenzas brutalmente agresivas como o alzhéimer nos ataca, se perden de todo. Por iso, as persoas que padecen esta enfermidade, aínda así, son quen de apreciar a música. Ou un agarimo. Unha caricia. Unha voz doce.

Mentiu quen dixo que somos un Animal Racional. Somos un Animal Emocional.

Por iso se a aprendizaxe vai asociada á emoción é moito máis efectiva. Porque nada hai máis forte que unha emoción. Pensade, por exemplo, na emoción máis importante de todas, que é o amor.

A literatura engánchanos porque nos fai sentir emocións, porque nos transmite emocións, porque nos explica emocións. Porque nos provoca carraxe, medo, alegría, tristura, melancolía, felicidade. Un milleiro de emocións distintas que nos fai, ás veces, volver sobre os mesmos libros unha e outra vez para volver a sentir o mesmo unha e outra vez.

Iso debería estar moi presente nos labores de aprendizaxe do ensino da literatura. Que hai que levar o ensino desta materia (imos chamala así por motivos prácticos) ao territorio da emoción. E que se entenda que moito mellor que “chapar” as características do Surrealismo é gozar dos xogos de linguaxe de Alicia no País das Marabillas; e moito mellor que memorizar as etapas na produción de Cunqueiro, é recitar, ben recitado, as cantigas neotrobadorescas que escribiu (quizais podemos facer que lles cheguen a través das moitas músicas que se teñen compostas a partir delas) ou mellor ler con vagar algúns momentos gloriosamente felices de “Merlín e Familia” que ser quen de recitar de memoria as características dos personaxes que poboan ese libro infindo; e moito mellor ler de vagariño, en alto, algunhas páxinas de “Cien años de soledad”, que a vida e milagres de García Márquez, por importante, ou apaixonante, que a súa vida fose.

O que emociona queda para sempre. E nas clases de literatura tamén se pode (e sobre todo débese) emocionar.

Os comentarios están pechados.