Verdades de verán sobre o Libro e a Lectura 6: implicar ao alumnado na aprendizaxe literaria

Posted by franciscocastro - 23/07/15 at 02:07 p.m.

Diálogo

Levamos uns días, nesta serie de verán sobre o Libro e a Lectura, pero tamén sobre o Ensino da Literatura, incidindo na necesidade de modificar o sistema de ensino, entendendo que, se un dos obxectivos da materia de Literatura é o fomento do amor pola lectura (ademais da adquisición dunha serie de coñecementos literarios), daquela, hai que esquecer para sempre o que de toda a vida se chamou Clase Maxistral ou Clase Conferencia. Como xa dixemos, nun intre no que dende os teléfonos intelixentes temos acceso con absoluta facilidade a todos os coñecementos do mundo (non así ás competencias, iso é o que temos que conseguir no proceso educativo regular e formal: competencias), non ten sentido estar sentado calado escoitando o moito que sabe a miña profesora ou profesor de literatura mentres eu, de forma pasiva, tomo apuntamentos. Xa hai moitos profesores e profesoras que deixaron de facer isto. Pero aínda hai moitas e moitos que seguen aferrollados ao sistema tradicional. É máis cómodo. É máis seguro. É máis doado “avaliar” (pero o que?, o grao de memorización?)

Creo que, se hai unha materia que, a diferencia das matemáticas ou a química ou outras moitas, permite a interactividade, o diálogo, o intercambio entre docentes e discentes, a comunicación real, esa é a de Literatura (quizais tamén Filosofía, fun 18 anos profe desa materia). Na meirande parte das materias do ensino regrado o alumno ou alumna non pode participar ou pode facelo dunha maneira moi cativa. No proceso de descobrimento que ten que ter todo proceso de aprendizaxe, non pode ou case que non pode. Pero si na Literatura e a través das lecturas, sabiamente escollidas (non necesariamente libros completos, hai que romper tamén con ese tabú para sempre). Eles e elas len, investigan sobre o autor ou autora, opinan, contrastan con outras e outros literatos do seu tempo. Escollemos para eles webs, blogs, perfís en redes sociais, tamén nos libros de texto, claro, para que amplíen o que queiran, para que entren no universo creativo do autor ou autora. Eu que sei.

Para que aprendan ao tempo que gozan do feito de ler, de estremecerse cun poema, de namorar dunha historia.

Os comentarios están pechados.