Verdades de verán sobre o Libro e a Lectura 5: Deixemos de ser soberbios

Posted by franciscocastro - 21/07/15 at 02:07 p.m.

JOVENES-LEYENDO

Gustamos tanto da lectura, amamos tanto os libros, que non damos entendido como algo que para nós é tan grande, unha paixón tan fermosa, non é compartida universalmente por todas as persoas do mundo. En especial, polos máis novos e novas porque polo xeral foi nos primeiros anos cando namoramos da lectura, das historias que habitan dentro dos libros, dos personaxes seductores que viven neles. Lembramos a nosa experiencia, tan grata, tan reveladora, e daquela esperamos que todo o mundo a viva coma nós e se non é así, pensamos que algo lles anda mal na cabeciña. E como non entendemos que non gocen coma nós, tendemos a culpabilizalos por non sentir coma nós sentimos. E iso, queridas e queridos (isto vai para lectores e lectoras, familias e ensinantes de literatura) convírtenos en soberbios.

Se queremos que a mocidade lea non abonda con dicirlles día si e día tamén que a lectura é marabillosa. Porque, a priori, nin é marabillosa nin todo o contrario. De feito, hai libros malísimos (os que escribo eu, por exemplo), textos infames, e obras que nunca terían que ter saído do prelo que desaniman claramente á lectura. E por moito que nós teñamos claro que a lectura é un dos mellores exercicios intelectuais, e lúdicos, e pracenteiros, que existen, non podemos situarnos nun punto de “elevación” tan alto que nos leve a esquecer que para traer a todas e a todos, precisamente, tan arriba, hai que baixar primeiro á terra. Enlamarse con eles. Deixar a soberbia.

Hai, si, que baixar á terra, investigar os seus intereses, esquecer listas de grandes obras, cánons e libros esenciais (o que non implica rebaixar o nivel para que lean calquera mamelucada). Do que se trata é de seducilos porque, entre outras cousas, viven arrodeados de elementos sedutores, en especial o mundo audiovisual, ao que nos temos que pegar se queremos dar a batalla con sentido (velaí están os “booktubers” trunfando entre os adolescentes: mozos e mozas recomendando libros a outros mozos e mozas). Preguntarnos, en defintiva, quen son, que lles gusta, que lles apetece ler.

E deixar a nosa soberbia de lectores consumados fóra e para sempre.

Os comentarios están pechados.