Verdades de verán sobre o Libro e a Lectura 4: o absurdo ensino da literatura

Posted by franciscocastro - 20/07/15 at 09:07 a.m.

Club

(Ilustro este post cunha imaxe de “O Club dos Poetas Mortos” por algo)

Vaia por diante que nestes anos atopei, atopo e estou certo que atoparei, ducias de profesoras e profesores de literatura exemplares no seu traballo, pola paixón que demostran, polo conscientes que son do difícil do seu traballo, sobre todo nestes tempos nos que teñen todo en contra. Iso vaia por diante. Admíroos, admíroas. Aprendo delas e deles todos os días. E, como digo sempre, se son lector, en boa medida é grazas a dous profesores, un na EXB e outro no BUP que souberon alimentar aquel neno melancólico e retraído que eu era de libros preñados de historias que me fixeron soñar, de poemas que lle aprenderon a latir mellor ao meu corazón famento de vida.

Dito isto, cómpre que insistamos na necesidade de lle dar unha volta ao ensino da literatura. E vouno dicir directamente e sen concesións: hai que abandoar, de vez, esa idea didáctica (?) de seguir aplicando un sistema que se basea, no básico (por redundar) na repetición por parte do docente dunha serie de coñecementos (?) en voz alta diante dunha rapazada á quen, a priori, non lle teñen por que interesar o máis mínimo todos eses datos que teñen que memorizar para logo cuspir nun papel e logo esquecer (ademais, na era da Wikipedia iso xa non ten sentido ningún).

A literatura, quero dicir, a Literatura, así, non se pode aprender.

Os comentarios están pechados.