Verdades de verán sobre o Libro e a Lectura 3: queremos que non lean?

Posted by franciscocastro - 17/07/15 at 09:07 a.m.

Lectura

Queremos que non lean? Daquela, obsesionémonos con que “aprendan literatura”. Falei disto hai un par de semanas no encontro sobre o Ensino da Literatura no Consello da Cultura Galega. Preocupados porque saiban citar obras, datas, correntes, atopar sinalefas, contar sílabas e aprobar exames de “comprobación lectora”, identifican Literatura con Matemáticas ou Historia ou calquera outra cousa (sexa dito con todos os respectos) nos que haxa que chapar, repetir coma monas, aprobar, e logo esquecer.

Queremos que non lean? Daquela preocupémonos porque adquiran “formación literaria”. Obriguémoslles a ler o que a nós nos gusta ou gustou. Metámoslle, a presión se é preciso, o cánon da Gran Literatura Mundial. Desprecemos best-sellers, libros de moda e sagas triunfantes no momento. Poñámonos excelsos.

Queremos que lean? Deixémoslles escoller. Ceibes pola biblioteca. Acompañémolos. Que vaian formando, coa nosa guía, discreta, distante pero firme, o seu gusto. Aconsellemos, suxiramos, digamos o que nos parece se nos preguntan. Leamos con eles na cama cando se deitan. Leamos en silenzo cos máis grandes coa tele apagada. Falemos de historias e de aventuras, máis que de libros.

E que eles vaian gobernando, tamén neste ámbito, a súa vida.

Os comentarios están pechados.