Os Beatles en España. Melancolía

Posted by franciscocastro - 30/06/15 at 02:06 p.m.

Beatles -anuncio concierto-3cm

(Hoxe tendes que aturar ao Francisco Castro máis fiqui)

Este xoves cumpriranse 50 anos da actuación dos Beatles na praza de touros de Las Ventas de Madrid. Eu nin nacera. Pero aínda así, declárome absoluto melancólico daquela xornada que non vivín pero que vin en toda canta imaxe se conserva (algunhas do NO-DO) e se teña divulgado. Melancólico e ademais con odio profundo (logo se me pasa) diante daqueles amigos, xa maiores, que tiveron a sorte de estar alí aquel día e que en canto teñen ocasión, sabedores da carraxe que me dá, contan daquel día nos que os viron en directo. Coñezo a cando menos tres que adoitan torturarme con isto. E tamén a unha muller que os viu, un ano antes, en Amsterdam, e que fai que me bote as mans á cabeza porque sempre que mo di (creo que o fai a mantenta para ver o meu escándalo) sinala que non lle gustaron  nadiña e que moito mellor Raphael.

Hai 50 anos, naquel franquismo feo, atordado e torpe, chegaron estes catro señores a tocar (e ao día seguinte en Barcelona) e axitar de paso a unha mocidade famenta de novas sensacións e de liberdade. Paul McCartney sempre lembra que había máis xente fóra (con entrada, pero a policía franquista, dacabalo, non lles deixou entrar) que dentro, e o NO-DO sacou unhas sosas imaxes de familias comendo tortillas ao tempo que comentaba que foran un fracaso porque aquí a xuventude é distinta. Xa sabedes: porque esto es España. Igualiño que o que di hoxe Rajoy nas comparanzas con Grecia. Tranquilos, que isto é España.

Melancolía dun tempo que non vivín. Quizais por iso sempre digo que agora o que me gustaría é ter 73 anos, por exemplo, e ter nacido en Liverpool e, a poder ser, ter coincidido con Lennon na escola e ter tocado con aqueles catro. Que non pasaba nada por ter feito un grupo de cinco.

Os comentarios están pechados.