Por que?

Posted by franciscocastro - 24/06/15 at 02:06 p.m.

PicMonkey Collage2

Sabemos que hai combustibles que non contaminan, ou moito menos, que os derivados do petróleo, que son altamente destrutivos para a natureza. Sabémolo pero non o cambiamos, por que?

Sabemos que a industria da guerra, a fábrica de armas, existe para alimentar os conflitos nos que morre xente pero tamén á inversa, que igual non nos importa que haxa onde se maten para así manter vivo o negocio. Sabémolo pero non o cambiamos, por que?

Sabemos que é máis importante investir en bolsas de estudos e en sanidade que en rescatar aos banqueiros, pero reducimos o gasto social igual, por que?

Sabemos que a fin da violencia contra das mulleres pasa por darlle unha volta ao modelo falocéntrico no que se move a cultura occidental, e que se non tomamos medidas o terrorismo machista vai seguir matando. Sabémolo pero non o cambiamos, por que?

Sabemos que a república é un modelo de estado máis xusto e democrático que a monarquía, pero non a derrocamos, por que?

Sabemos que a meirande parte dos programas de televisión buscan a idiocia e o entretemento barateiro e simplón, pero son líderes de audiencia, por que?

Sabemos que os cartos non dan a felicidade, pero organizamos a vida ao seu redor, como se de verdade nola dera, por que?

Sabemos que só se vive unha vez, que un só día tirado é irrecuperable, pero insistimos en vivir na negritude e despistados con parvadas. Sabémolo pero non o cambiamos, por que?

Sabemos que o mercado das drogas, da explotación sexual das mulleres, a laboral dos menores, etc, é algo doado de erradicar, mais mantémolo igual, por que?

Preguntas de verán…

Os comentarios están pechados.