Aquelas noites de San Xoán

Posted by franciscocastro - 23/06/15 at 02:06 p.m.

San Xoán

Durante a miña infancia e primeira adolescencia non había momento que puidese superar en emoción á noite de San Xoán. Eu, coma José-Nes, coma Juan o de Arriba e o de Abaixo, coma Tote e Carlos e José Luis e Otero e Miguel e Manolito e Pucho e o resto dos nenos e nenas do barrio da Rola, en Teis (máis concretamente do Barrio do Bache), pasabamos preto dun mes apañando leña (si, recoñézoo, roubándollo ás veces a outros cativos doutros barrios), pedindo polas portas das casas para mercar petardos (incrible que non acontecese nunca ningunha desgraza), pasando polo Mercado a pedir caixas de madeira, das da froita, que ardían moi ben…

Cada ano o mesmo ritual e cada ano a mesma emoción ao ver como se amoreaba leña e leña e leña. Logo, a gran decisión: cal usar como “pao maior”, para chantalo no medio e que termase de todo aquel mogollón de madeira que ardía, violenta e feliz, mentres nós escarallabamos a parede do señor Manuel tirándolle bombas ou largabamos foguetes ao aire que, unha vez, se cargaron un cable de alta tensión. Foron as miñas primeiras madrugadas cando aínda non tiña idade para tal cousa. Mais todos o faciamos e ningunha nai, ningún pai, perdía o sono por iso.

Máis de unha e de dúas veces veu a policía cunha carreta a levarnos parte da leña, alertados (e con razón) polos veciños. Á señora Juana queimámoslle unha pereira varias veces. E eran tan grandes as nosas fogueiras, que ao día seguinte volviamos ao campo porque seguía ardendo e aínda lle botabamos máis leña para que aquela cacharela non rematase nunca.

Hoxe, e paréceme ben, eses lumes están controlados, organízanos moi civilizadamente os concellos e as medidas de seguridade son estritas. Insisto: paréceme ben.

Nós, naqueles días, eramos salvaxes, indocumentados e escandalosamente felices.

Os comentarios están pechados.