Alcaldesas e alcades normais

Posted by franciscocastro - 22/06/15 at 02:06 p.m.

PicMonkey Collage2

Resulta patético ver á dereita mediática escandalizada polo feito de que as alcaldesas e os alcaldes “do cambio” sexan xente normal.

Escandalízanse porque o alcalde de Santiago e o da Coruña non acoden a un acto relixioso a pedirlle non sei que cousa a un santo. Non deberían escandalizarse por algo así porque o anormal é facer ese tipo de cousas. O anormal é que o poder político se axeonlle diante da Igrexa Católica. Iso non é normal. Por non ser, nin é democrático.

Escandalízanse porque as touradas desaparecen dalgunhas cidades, cando menos, retíraselle a dotación económica para que se celebren. O anormal sería o contrario. O anormal é dedicar cartos públicos para financiar a tortura dun mamífero diante doutros mamíferos que gozan coa escabechina. Neste sentido, a prensa hoxe destaca (é noticia, o normal é noticia), que onte o palco enteiro que na praza de Las Ventas de Madrid se reserva para os membros da corporación municipal estaba absolutamente baleiro. Seica é unha anormalidade facer as cousas con normalidade.

Escandalízanse de que unha alcaldesa coma Ada Colau se manifeste a prol de dereitos civís básicos, como fixo aínda hai un par de días. Se aínda se manfestase en apoio a La Roja tiña un pase….

E escandalízanse porque rexeitan coches oficiais, teñen un soldo digno pero non abusivo, reúnense con colectivos tradicionalmente non escoitados, etc.

Que anormalidade esta de asustarse de tanta normalidade….

Os comentarios están pechados.