Nenos e nenas deixados da man de todos

Posted by franciscocastro - 19/06/15 at 02:06 p.m.

pobreza

Hai uns días tiven a sorte, o privilexio e a honra, de visitar un piso de acollida onde viven, temporalmente, nenos e nenas tutelados pola Administración e que, mentres non se solucionan os seus gravísimos problemas familiares, teñen que residir, xunta outros nenos e nenas, e acompañados (e agarimados e animados e coidados) por distintos traballadores e traballadoras, en pisos espallados pola cidade (a cita foi en Vigo) nos que, malia todo, se lles intenta ofrecer un fogar ou o máis parecido a un fogar. Puiden ver pisos coidados e limpos, cos cuartos cheos de pósters de cantantes de moda, de futbolistas, de fotos dos amigos e amigas do cole. Ou sexa, cuartos onde viven nenos e nenas coma os demais. Adaptados a aqueles que precisan dalgunha adaptación por, por exemplo, precisar cadeiras de rodas. Hainos de todos os chanzos de idade: dende moi pequerrechiños ata os 18 anos.

Estiven alí da man dunha traballadora e dun traballador, preguntando cando quixen. Quería saber sobre ese mundo e marchei sabendo algo máis pero co corazón encollido.

Na conversa con eles e máis unha vez, tiven que escoitar como se lles recortan fondos (que xa eran escasos), como se lles deixa sen recursos, como teñen practicamente que mendigar para conseguir algo de diñeiro que é, ollo, para atendelos. Algúns dos cativos precisan de atención médica continua e coidados hospitalarios 24 horas ao día. Mirade ben o que vou dicir: algúns deles, meniños e meniñas pequerrechísimos, están sós, fóra do coidado de nais ou pais ou familia ningunha. Nenos e nenas sós. Enfermos. Sós.

Estiven alí e marchei para casa pensando nas traxedias (invisbles) que habitan nas nosas cidades. En como os alcaldes e alcaldesas saben que electoralmente é máis importante poñer flores no centro da cidade que axudar a quen o precisa; ou que vai irlles mellor gastando en apoiar ao equipo de fútbol ou tirando a casa pola ventá en anuncios no xornal dicindo o guapísimos que somos, que soltando a pasta para os que o necesitan de verdade.

Non podedes imaxinar a cantidade enorme de xente con problemas que hai pero, sobre todo, non podedes imaxinar a cantidade enorme de pequenos e pequenas que non teñen nin o máis mínimo.

E eles, os que teñen que administrar os nosos recursos, tamén para que esta xente viva con dignidade, ollan para outro lado como se a vida fose sen máis un lugar feliz e despreocupado. Serao para eles. Non para moita xente que está nesa situación estrema.

Por iso sería interesante que os políticos e políticas, ademais de capacidade de xestión económica tivesen, sobre todo, un corazón grande e sensible.

Os comentarios están pechados.