Cristina ex-duquesa pero na liña de sucesión igual

Posted by franciscocastro - 12/06/15 at 02:06 p.m.

infanta

Hoxe a prensa celebra nas súas portadas que onte Filipe VI lle retirou o título de Duquesa de Palma á súa irmá Cristina. Algún xornal galego incluso o considera a nova máis importante do día (titular máis grande e central) fronte de, por exemplo, as novas relacionadas cos pactos postelectorais para constituir os concellos mañá. A prensa “seria” dándolle absoluta relevancia a algo que, sendo importante, non o é tanto.

Sen entrar agora no debate sobre como é posible que nunha sociedade democrática do século XXI existan Duques, Marqueses e todas esas cousas (aquí todo o mundo nace en bólas e polo mesmo sitio, e ademais hai unha Constitución que seica nos declara a todos iguais), o certo é que Cristina segue a ser a sexta na liña de sucesión á Xefatura do Estado. Ou sexa, que a pesar de que estea presuntamente implicada nun gravísimo caso de corrupción (e de desmemoria), aínda así, se algo terrible lles sucedese aos cinco que están por diante, queiramos ou non, ela sería declarada Xefa do Estado como Raíña.

Se aínda así hai quen non lle ve perigos ao sistema monárquico que teña presente, tamén, que o Conde Lecquio tamén está na liña sucesoria…

Os comentarios están pechados.