Ler

Posted by franciscocastro - 08/06/15 at 03:06 p.m.

Ler

Cando era un cativo lía poñendo por riba da lámpada a parte superior do pixama para amortiguar a luz e deixar durmir ao meu irmán. Lin clásicos e aventuras naqueles días primeiros que me marcaron para sempre e que aparecen e reaparecen gozosos na miña literatura. Estaba formándome como escritor e non o sabía.

Na adolescencia refuxieme nos poetas, namorado e non correpondido por un primeiro amor que non quixo saber nada de min. A poesía falábame desa dor e convertíaa en luz. A poesía e o rock and roll. Seguen comigo e seguirán.

Levo lendo toda  a vida. Pola rúa, nos autobuses (mareo incluído), en avións e trens, nos restaurantes e bares, no parque cada tarde, en lugares distintos da casa. Na vida. Suliño nos libros, marco dobrando as follas, gardo papeis dentro deles que atoparei pasados os anos e me traerán fermosas labazadas de memoria feliz (debuxos dos meus fillos, por exemplo). E leo en alto só por gozar e marabillarme das palabras que leo.

Emociónome cada vez que compro un libro novo. Lévoo para casa convencido de que vai ser o libro máis fermoso do mundo. Logo resulta que non ou que quizais non, pero a sensación, inocente, sempre é esa.

Leo. Son porque leo. E, coma Borges, feliz dos libros lidos moito máis que dos escritos.

Aquí me quedo. Lendo.

Os comentarios están pechados.