Non será un Papa moderno mentres non acabe coa discriminación da muller na propia Igrexa

Posted by franciscocastro - 04/06/15 at 02:06 p.m.

Francisco

Dende que o actual Papa chegou ao Vaticano son centos as voces que destacan a súa “modernidade” (papa e modernidade non son palabras que casen ben na mesma frase, pero…), as súas “reformas” (unha institución monolítica como a Igrexa Católica as reformas que faga teñen que ser para conseguir perdurar, que ninguén se engane) e a súa valentía á hora de afrontar as cuestións das pederastias, o respecto pola homosexualidade, a maternidade fóra do matrimonio, etc.

Hai ben de tempo que digo que estamos diante dun grandísimo caso de maquillaxe. Cando menos así me parece mentres se segan sen tratar certos asuntos. E sen obviar que o seu talante sen dúbida é moito máis “progresista” que o dos seus dous antecesores (ou Rouco Varela, calquera dos tres vivían no século XIII), o certo é que o Vaticano ten que meterse, e xa, non hai escusas para non facelo, en cuestións que levan aparcando séculos. Por exemplo, a cuestión da discriminación da muller.

Se este Papa quere ser moderno, reformista e valente, ten que facerse cargo de que o Vaticano é o único estado europeo (é un estado europeo a todos os efectos) que discrimina por lei (seica divina) á muller. Xa non só me refiro á cuestión do sacerdocio (os e as católicos verán que lles parece isto, eu non o son), senón ao feito de que nos órganos de poder (cónclaves, curias e outros sanedríns) a muller, polo feito de selo, non pode participar. En plena Europa, e en pleno século XXI, hai un estado que politicamente discrimina á muller.

A revolución pendente deste Papa é a feminista. Non pode seguir calado diante dun feito innegable: que homes e mulleres somos iguais e que temos que estar equiparados. Tamén no ámbito relixioso.

Quere ser moderno? Que se molle polas mulleres. Ou sexa, que se molle por toda a humanidade.

Os comentarios están pechados.