Unha idea a prol (creo) da cultura galega

Posted by franciscocastro - 01/06/15 at 02:06 p.m.

Galicia

Quero comentar aquí con vós unha idea que penso perfectamente realizable. A ver que vos parece e, sobre todo, a ver quen se anima a botala a andar. Eu ofrézome a axudar, claro e a traballar arreo. Igual é unha parvada pero, en todo caso, prentede non selo.

Recoñezo que quen me inspirou  é a iniciativa dunha asociación, ben coñecida por todas e por todos como é Ecoloxistas en Acción, que acaba de declarar ao concello de Telde, “enemigo da árbore” (porque os talan, porque os que hai non os coidan e case que non plantan…). A iniciativa fíxome pensar se non deberiamos facer algo similar por aquí pero relacionado coa cultura galega. Algo máis institucionalizado. Non como unha declaración puntual senón como un diagnóstico logo dun estudo serio.

Podémolo plantear en positivo: declaramos a tal ou taloutro concello, “amigo da cultura galega”. Ou pola brava e en negativo. Analizamos como lexislan, como coidan ou non, como promoven ou non, ou se desprezan a cultura galega e dámoslles o “premio”: vostedes son un concello, ou unha xunta de goberno, ou un alcalde ou alcaldesa, que despreza a cultura galega. Obviamente, habería que argallar un mecanismo obxectivo de medición, unhas claves claras, consensusadas e racionais polas que medir, unhas persoas concretas que con criterios fundamentados e consensuados, tomasen a decisión. O resultado da avaliación serían uns “premios” que dar aos concellos Amigos da cultura galega ou aos concellos Enemigos da cultura galega. Podían ser anuais. E debería liderar esta iniciativa un colectivo amplo de xentes/institucións relacionadas coa cultura de nós. Amplo e non só da lingua. Tamén da música, das artes escénicas, do mundo editorial, do xornalismo…

Imaxino que aqueles veciños e veciñas que visen que o seu concello recibe o “premio” como “enemigo da cultura galega” se sentirán ben tristeiros, e aqueles outros e outras que reciban o de “amigo da cultura galega” se sentirán ben e felices e honrados. E que en ambos os casos reaccionarán dunha maneira ou outra fronte de quen os representa.

Penso que estaría ben tentar algo así para visibilizar e poñer en valor as boas iniciativas que hai a prol da nosa cultura e, ao tempo, para sinalar a aqueles que sitematicamente a desprezan.

A idea queda aquí. Desexando que alguén recolla o testemuño e turre del.

Os comentarios están pechados.