Mariano, a comunicación, os éxitos económicos

Posted by franciscocastro - 27/05/15 at 11:05 a.m.

Pobreza

Cando un presidente de goberno resume a explicación para uns malos resultados electorais a que lles fallou a comunicación (e hala que non teñen medios afíns que lles amplifican e esaxeran os “méritos”), daquela, é que ese presidente anda na póla.

Segundo a súa presidencial análise, o problema é que aos españois non se lles soubo comunicar que todo vai ben, que a economía está a recuperarse e que vivimos en Disneylandia. Por suposto, nada tiveron que ver co fracaso os recortes, os Ratos, os Bárcenas e mulleres como Aguirre insusltando a todo o que se move, ou Rita ameazando a quen respire. Ou realidades durísimas como as que podemos ver na foto que acompaña este texto.

Rajoy, que sabe tanto de comunicación que incluso declara dende teles de plasma ou prohibe que se lle fagan preguntas (ou, directamente, desaparece durante meses e non dá explicacións de nada) debería irse vivir un par de días con calquera desas familias que as pasan canutas, por non dicirlo dunha maneira máis bruta, para chegar xa non só a fin de mes, senón ao final do día.

Logo podía vir a contárnolo. A comunicarse con nós. E a ver que tal.

Os comentarios están pechados.