Aguirre, Cifuentes e María do Carmo Kruckenberg

Posted by franciscocastro - 18/05/15 at 02:05 p.m.

María do Carme Kruckenberg

Unha das maneiras que temos de retratarnos é falando dos nosos referentes, daquelas persoas que consideramos mestres, daqueles seres humanos que nos inspiran para vivir a nosa vida dunha determinada maneira. Os exemplos aos que nos gustaría parecernos. Os modelos a imitar para sermos mellores.

Onte, na cerimonia de despedida á poeta galega María do Carmo Kruckenberg, a escritora Pilar García Negro leu un texto dela na que explicaba como coñecer a Castelao lle mudara totalmente a visión de Galicia que ata daquela tiña. Visitouno en Buenos Aires, a un Castelao velliño no último alento, e en varias conversas con el quedoulle claro que era o noso país e como había que sentilo. Castelao, xa que logo, era un dos seus referentes.

Hoxe, a prensa fala da reivindicación de Aguirre e Cifuentes da figura de Aznar como un referente. A cousa é tan dura que non só o reivindican como referente político, senón tamén “moral”.

É referente moral para estas señoras un home que nas horas seguintes aos atentados de Madrid só estaba preocupado por minimizar o impacto electoral dos ataques, insistíndolle a directores de xornais para que non relacionasen a brutalidade con Al Qaeda, ou sexa, coa súa fotiña en plan soyelreydelmundo con Bush e Blair. É referente moral para elas un home que nos meteu na guerra a pesar do clamor absoluto, ou practicamente absoluto, que había no país que el dirixía para que non sucedese tal cousa.

Gústanme máis os referentes de Chuchi Kruckenberg. Moito máis.

Os comentarios están pechados.