A lectura e a folga dos futbolistas.

Posted by franciscocastro - 13/05/15 at 02:05 p.m.

ler

Os gobernos occidentais gastan máis en armamento que na promoción da lectura. O de España tamén. O artigo podería rematar aquí. Pero deixádeme dicir algo máis.

Leo que a Sociedade Española de Neurología vén de facer público un documento no que explican que a lectura é beneficiosa para a saúde mental, e que existe unha relación cientificamente comprobada entre os niveis de lectura e as reservas cognitivas, e que as persoas que len durante a súa vida teñen maior reserva cognitiva e, xa que logo, que cando aparecen determinadas doenzas relacionadas co cerebro, curan mellor, ou enferman menos, ou as enfermidades avanzan menos rapido, se os doentes len ou eran lectores e lectoras.

Daquela, semella claro que, se é certo como se lles enche a boca (podre) de falar cando é o Día do Alzhéimer, os que nos gobernan son conscientes do problema e de que hai que loitar contra del,  o que deberían é investir máis en cultura e menos noutras cousas.

Pero a lectura, xa sabedes, non é unha cuestión estratéxica para os que dirixen este chiringuito. As axudas para compra de bibliotecas baixan cada ano. Pero isto non preocupa en absoluto nin resta votos. Aquí, o que nos quita o sono, non se fala doutra cousa, é saber se se soluciona ou non o da folga dos futbolistas. Que xa lles vale, en plena campaña electoral e facéndolle isto ao pobre de Rajoy. Como se non soubesen o importante que é o fútbol para ter á xente, como dixo o presidente do Atlético de Madrid, con absoluto descaro despreocupado, ben ocupada para así non amolar.

 

Os comentarios están pechados.