Unha rúa para Germán Coppini, para Suso Vaamonde, para Carlos Oroza, para tantas e tantos.

Posted by franciscocastro - 11/05/15 at 02:05 p.m.

Mañá fará seis anos que finou Antonio Vega. Lembreime moito del estes días atrás en Madrid, pois o lugar onde pernoctei estaba pegado á Praza de Antonio Vega, en pleno barrio de Malasaña, entre locales de copas e moita, moita vida de barrio. Aquela placa alí, co seu nome incorporado ao rueiro de Madrid, obrigábache, queiras ou non, a imaxinalo por calquera daqueles garitos ou terrazas, vendo a vida, a vida breve e intensa que tivo, pasar para logo contáronola en xeito de cancións.

Pensei iso e pensei en que un pobo ten a obriga de lembrar aos seus creadores, aos que lle dán vida, aos que fan que o mundo sexa máis fermoso. Pensei que na miña cidade, como en xeral no meu país, non se adoita moito recoñecer en vida aos artistas. Xa sabedes o tópico: aquí o mellor é morrer para que falen ben de ti, para que todos te choren. En vida déixanche de lado, así caias morto de noxo. Iso si, en canto morras, os diarios encheranse coas facianas de alcaldes e concelleiros de cultura laiándose da túa perda.

Pido para a miña cidade unha rúa, pero xa, para Carlos Oroza, un dos poetas vivos máis importantes do estado español. E outra para German Coppini, que nos deixou hai nada. E outra para Suso Vaamonde, que cantou a Celso Emilio e á liberdade mellor ca ninguén. E para moitas e moitos máis que agora non me veñen a cabeza pero que seguro que o merecen tanto como os citados.

Os comentarios están pechados.