A economía mellora. A xente é igual de pobre

Posted by franciscocastro - 30/04/15 at 11:04 a.m.

economia

Dende o inicio da postmodernidade e a caída das utopías políticas que anegaron de ilusión ás xentes dende os anos 60 do século pasado, ao se convertir o capitalismo consumista en versión única e unificada posible, os políticos (que mandan menos que o presidente dun banco) identifican, e sen pudor de ningunha clase, realidade con economía. Incluso habería que matizar máis e dicir que identifican realidade coa macroeconomía. Un xeito deshumanizado, por certo, de entender a economia (que é, ou debería de ser, unha disciplina posta ao servizo das persoas), pois o que se di é que se as grandes corporacións aumentan beneficios (aínda que sexa a coste de explotar ou evadir impostos) a economía “vai ben”, ou que se se xera emprego (aínda que sexa de moi mala calidade ou de semi-escravitude) daquela é que se está “saíndo da crise”.

Hoxe conviven nos medios dúas novas que levan aos ministros de economía e presidentes varios a dicir que a cousa mellora. A saber, por unha banda, que a Gran Banca (eses si que son os donos do furancho) conseguiu gañar un 67,5 por cento máis que o ano pasado por estas datas. Iso si, o crédito non chega ás familias e os desafiuzamentos por impago de hipoteca continúan (a pesar de que non saben que facer con eses pisos, pero seica é mellor poñer á xente que xa é pobre na rúa); por outra, que o PIB se acelera a un ritmo do 0,9 por cento no primeiro trimestre. Iso si, esa “riqueza” que se xenera pasa a mans que non necesitan ser máis ricos, mentres que os tres millóns de españois que están en situación de “pobreza severa” segundo as ONGs que traballan sobre o terreo, non van recibir un céntimo de euro desa “espectacular melloría ” que hoxe Rajoy comunicará a Bruxelas para que lle dean un aprobadiño raspado.

A economía dos bancos non é a economía da xente.

Os comentarios están pechados.