Tirarías o lixo no salón da casa?

Posted by franciscocastro - 22/04/15 at 02:04 p.m.

contaminacion

Hoxe é o Dia da Terra. Un día tan bo coma outro calquera para lembrar que o capitalismo consumista é un modelo que non só acaba co xénero humano e coa súa dignidade ao tratar a todas e a todos como mercadorías, forza de traballo e elementos dun sistema produtivo, senón tamén co planeta, a quen se contamina, esnaquiza, esquilma e destrúe. Todo polo Sistema. Todo polas contas correntes dos gordos cus dos que xa o teñen gordo de tanto amasar fortunas.

Ás veces, cando vou aos centros de ensino falar sempre lles digo que ser ecoloxista non pode ser unha opción. Que ten que ser o normal. Ás veces vexo caras de dúbidas cando lles digo, con retranca, que estou certo de que todos reciclan, que todos separan o lixo nas casas, etc. Dígolles que proben a coller a bolsa do lixo, con todo mesturado, a ir ao salón xusto no intre no que papá e mamá están vendo a tele e, alí, diante deles e sen deixar de sorrir, que baleiren todo o lixo sobre a mesa, sobre o chan, sobre o sofá, sobre eles. Cando lles conto isto rin a cachón pola ocorrencia deste escritor calvo que lles di semellante cousa. Mais logo aclárolles: o salón da casa é o planeta enteiro, e o lixo é todo o que contaminamos a diario. Do que se trata é de que entendades que o planeta enteiro é a nosa casa.

Só se aprendemos a ver o conxunto da Terra como a nosa casa entenderemos que non se lle pode botar tanta merda enriba. Ninguén o faría dentro da súa casa. Así que loitemos para que se deixe de facer.

Os comentarios están pechados.