Cando se pensa que todo o mundo é parvo

Posted by franciscocastro - 06/04/15 at 10:04 a.m.

Rajoybañez

Hoxe coñecéronse novos datos sobre o paro. A realidade é que caeu en 60.214 persoas, o seu maior descenso nun mes de marzo dende 2002. Con esta caída, van dous meses seguidos de descenso, polo que o presidente do goberno foi correndo, e sen plasma!!!!, a unha emisora de radio a que lle fixesen unha entrevista comodiña para así sacar peito e dicir, es que somos increíbles, chico. Non o dixo así, claro, dixo que estaba “moi contento” e que o dato supuña “esperanza” para aqueles que non atoparon emprego (sempre me pareceu raro que se use o verbo “atopar” cando se fala de saír do paro, porque semella que o traballo é algo que anda por aí, e que os máis zoupóns son os que non o acaban de atopar…será porque non se fixan).

O ministerio de Fátima Bañez (esa traballadora exemplar de longuísima experiencia laboral, como todo o mundo sabe) saca peito. O presidente saca peito. E, curiosamente, ningún dos dous comentan que o nivel de parados mozos e mozas (megacualificados academicamente) sigue sendo dos máis altos do mundo, non comentan que eses empregos novos que se crearon son en precario, o que leva á miseria, a non poder acceder a unha vivenda, a un plan de futuro, e por suposto ningún deles comenta que as prestacións aos parados (eses que non “encontran” o traballo que Rajoybañez din que hai), se reducen unha vez máis.

Por que o fan? Porque no fondo pensan que todo o mundo é parvo.

 

 

Os comentarios están pechados.