Convencernos para non suicidarnos

Posted by franciscocastro - 25/03/15 at 12:03 p.m.

suicidio

O pobo galego ten un punto suicida e tamén irresponsable. Porque leva séculos traballando para a súa destrución.

Suicida no caso concreto da lingua, pois levamos loitando soíños, nós soíños, coma pobo, contra nós mesmos, séculos e séculos, poñéndonos pedras, loitando forte para que desapareza o máis importante que temos, o que nos fai ser pobo e ser galegos, como Castelao explicou. E irresponsable nos dous sentidos da verba, porque traballamos a prol da autodestrución e porque cando nos decatamos do desastre adoitamos botarlle a culpa aos gobernos, como se nós non tiveramos nada que ver, como se non fose a nosa responsabilidade que unha lingua se manteña ou desapareza. Como digo sempre, se nós consumísemos produtos etiquetados en galego, mercásemos libros galegos, fixésemos con naturalidade a nosa vida en galego pouco había importarnos unha Xunta de Galicia ao que o galego lle preocupa, un pouco, cando hai eleccións preto.

Nas películas vemos como cando o suicida está alí na ventá, ameazando con tirarse, sempre aparece alguén para convencelo de que non o faga, que entenda que o suicidio sempre é unha mala opción.

Estaría ben que alguén fose quen de convencer aos galegos e galegas de que non deben suicidarse. Que ser galegos é mellor que non selo.

Os comentarios están pechados.