Silenciar as voces críticas con cartos públicos

Posted by franciscocastro - 24/03/15 at 11:03 a.m.

xornais

Leo hoxe que a Consellería de Economía e Industria vén de convocar un concurso público de dous millóns de euros (si, lestes ben, dous millóns de euros). No básico e como hoxe conta El País, do que se trata é de deseñar unha campaña publicitaria que lle faga publicidade á propia Consellería, ou sexa, a Xunta, para contar o ben que o fan, o ben que traballan e que son laperalimonera.

A práctica é moi vella e son moitos os medios de comunicación que se benefician economicamente disto. Outra cousa é como lles afecta no seu traballo de xornalistas porque está ben claro que se a Xunta de Galicia mete dous millóns de euros en distintos medios, a ver quen é o guapo ou a guapa que se atreve a criticalos. É un vello dito ese de que non hai que trabar na man de quen te alimenta. Certo alcalde do sur de Galicia sábeo moi ben e mete cartos e cartos e cartos e cartos en certo xornal do sur de Galicia, páxinas enteiras de publicidade dicindo que a cidade é fermosísima. E claro, logo a ver quen critica a quen paga as nóminas.

O asunto podería parecer que non ten importancia. Incluso haberá quen dirá que iso se fixo sempre e que o fan todos os partidos. Que é certo, fano todos. Pero, o que tamén está claro, é que o xornalismo ten que cumprir a función de vixiar ao poder, criticalo, sacarlle as cores e, na medida do posible, denunciar as súas corruptelas. Se hai cartos polo medio, non se pode. E cae a liberdade. E, polo tanto, cae a democracia.

Os comentarios están pechados.