Por que Filipe VI non condea a ditadura de Franco?

Posted by franciscocastro - 17/03/15 at 12:03 p.m.

Paz

Estes días andamos atónitos pola aparición dunha moeda de 200 euros de Filipe VI que a Casa da Moeda emite baixo do lema ’70 años de Paz’. A bronca, como imaxinades, está máis que xustificada porque eses anos de paz inclúen a ditadura franquista.

Sen entrar agora na esencia da barbaridade, que é moita, cómpre sinalar que na desprestixiada Casa Real deben andar un chisco despistados ou, como máis probablemente será, moi alleos ao mundo real (mira ti que ironía). Algo, por outra banda, consustancial a unha monarquía. Se hai algo que está xa moi fóra do mundo é a herdanza por vía masculina (aínda non cambiaron a Constitución neste punto) da Xefatura do Estado.

Os especialistas no asunto monárquico sinalan que boa parte dos esforzos da Casa Real ten que ver con a obsesión por mellorar a imaxe que o común da xente ten dos Borbóns logo dos escándalos brutais que puidemos coñecer nos últimos anos. Pois, como digo, deben andar un chisco despistados porque a moeda en cuestión santifica, defende, e inclúe dentro da categoría de “anos de paz” os corenta de ditadura franquista, tempo “de paz” no que se exterminou aos vencidos, se represialou aos disidentes e, en definitiva, se montou un estado de terror que tiña moi pouco que ver coa paz.

Eu dou unha idea, e de balde ademais, para mellorar a imaxe da monarquía española: que o rei faga unha condea pública da ditadura franquista. Como sempre fala do “valor da democracia” non lle vai parecer para nada mal facer esa declaración. Veña, que se anime. E logo, emitimos outra moeda.

Os comentarios están pechados.