No Día Mundial do Sono

Posted by franciscocastro - 13/03/15 at 12:03 p.m.

Durmindo

Entérome de que hoxe é o Día Mundial do Sono. Nin idea de que existía. Pero existe ,e este ano céntrase no problema do insomnio. Algo sobre iso podería dicir ultimamente pero, como soño (mira ti), algún día, con ser poeta, vou centrarme mellor na outra parte do feito de durmir, que é o de soñar.

Así que neste Día Mundial do Soño digo que soño que viaxo, que saio, que marcho, que busco unha illa náufraga na que inventar versos dos que curan. E por soñar, soño que fago eclipse co sol estes días, e que son lúa. Os soños, claro, son absurdos, pero por iso son libres, como a literatura, como certa clase de amores, os menos. E por iso é que soño que son quen de inventar unha nova lingua cunha semántica poderosa que me permita expresar o que moitas veces, coma hoxe, non son quen nin de pronunciar. E xa que soño, doulle vida entre as miñas sabas a un poema onírico que me achegue a ti, alma náufraga e soñadora.

Durmide, soñade pero que ninguén se esqueza de vivir.

Os comentarios están pechados.