O meu premio Nobel é Agustín Fernández Paz

Posted by franciscocastro - 16/02/15 at 11:02 a.m.

agustin

O pasado sábado, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, da que sinto o orgullo de formar parte, decidiu presentar a candidatura de Agustín Fernández Paz ao Premio Nobel de Literatura. A decisión é un exercicio de xustiza pois se ese premio debe reservarse só para os máis grandes da literatura universal, Agustín debe recibilo. Independentemente do dificilísimo que é que os señores da Academia sueca reparen nun escritor en lingua galega (moi traducido e recoñecido internacionalmente por unha morea de premios literarios pero que escribe nunha lingua minorizada dunha nación sen estado; saberán os académicos suecos que existe a literatura galega?), que os escritores e escritoras de Galicia o recoñezamos como o noso candidato é xa algo para celebrar.

Se eu tivese facultade para decidir, diría que Agustín ten que recibir o Nobel. En primeiro lugar, polos seus méritos literarios. Algunhas das súas obras son, xa, clásicas. Resistirán o paso do tempo. Serán lidas dentro de cen anos co mesmo pracer que o facemos hoxe. Pero, tamén, pola forza da súa voz. Porque aos premios Nobel, dalgunha maneira, pídeselles que teñan unha voz poderosa que fale dende a racionalidade, o compromiso e a ética. Pídeselles voz e actitude. De ambos os méritos Agustín ten demostrado que ten un mundo. E por iso sempre está onde cómpre estar. Do lado da ética, da lóxica, do país, da lingua, da terra, da educación, das cousas boas e importantes da vida.

Pero, ademais, Agustín é o meu Nobel porque é unha persoa  e un escritor incrible. Porque é o máis grande de todos nós, o máis grande con diferenza de todos os que escribimos en lingua galega. El está nun sitio e os demais vendo dende o noso. E ben contento, cando menos eu, de que iso sexa así. Oxalá cando eu teña o seu tempo teña escrito a metade de ben, só a metade, que o meu veciño de rúa, Agustín Fernández Paz. Digo isto e é importante que o diga e que se entenda en toda a brutalidade coa que quero dicilo. Digo isto porque hai moito escritor e escritora que se sinte Lord Byron e que, ademais, o di e reclama méritos que, para min, só subliñan a mediocridade de quen tal fai. Agustín non. Agustín escribe. Fabrica beleza. Déixaa nos libros. E logo apártase para escribir outro libro máis coa mesma humildade de sempre. Iso só o fan os moi grandes.

Agustín, ademais, é o home que cruza a rúa para ir ao parque e falar un chisco coa miña filla. Agustín é o home que sempre ten unha palabra de alento para min cando lle comento calquera cousa. Agustín Fernández Paz é un grandísimo escritor. Merece o Nobel. Espero que se enteren en Suecia de vez.

Os comentarios están pechados.