Por que non derogar o decreto do plurilingüísmo?

Posted by franciscocastro - 13/02/15 at 11:02 a.m.

alberto-nunez-feijoo

O presidente da Xunta de Galicia leva varios días falando da necesidade de buscar un consenso sobre o asunto da lingua. Independentemente de que non debería, nunca, o uso, promoción, espallamento, escolarización, etc. na lingua propia do país ser un asunto a consensuar (onte o goberno de Madrid aprobou espallar o xadrez porque o recomenda a Unión Europea; a UNESCO leva pedindo toda a vida que a escolarización se faga en Galicia en galego e miratí, nin caso), o certo é que se buscas consenso é porque tes un problema e, se o tes, cómpre averiguar por que.

Para a actual Xunta de Galicia está claro que o “problema do galego” é un problema electoral que lle pode facer perder votos e, daquela, cómpre atacar. Sen embargo, o “problema do galego” é outro. O pasado domingo botáronse á rúa máis de 25.000 persoas a reclamar algo obvio, que en Galicia queremos galego, pero, ademais, todas as asociacións e organizacións e institucións que teñen que ver algo coa lingua galega, comezando pola RAG, amósanse contrarios á política lingüística da Xunta, que empezou a ser un problema (antes non o era, para ninguén, nin sequera para o PP de Fraga, moito máis sensibilizado, manda truco na Habana, con este asunto que os actuais dirixentes do PP galego) co famoso decreto do plurilingüísmo que era, en realidade, un “queremos más castellano” disfrazado. Os únicos que aplaudiron, a parte de sectores medio ultras do PP, foron os Jiménez Losantos e algún que outro famoso columnista de por aquí que xa todos sabemos.

Onte o presidente dixo que de derogar o decreto naranjas de la China, e que só se o Tribunal Supremo lle obriga o fará. Érache boa, que non o fixese se o Tribunal Supremo o mandase. Que o terminará mandando.

Se queren consenso, que empecen por atacar o problema. Que non é o galego. Senón os que o odian e traballan para a súa destrución ou, cando  menos, os que non fan nada por coidar da lingua propia.

Os comentarios están pechados.