S.O.S. polo libro e a lectura (o fracaso da democracia)

Posted by franciscocastro - 05/02/15 at 03:02 p.m.

Libros

Hoxe a prensa recolle o SOS emitido onte pola Federación de Gremios de Editores de España pola situación do Libro e da Lectura. O berro de auxilio dáselle ao goberno coa idea de que se sensibilice e entenda que hai que asumir un Plan Integral de Fomento do Libro e da Lectura para frear o desplome dun sector que, a diferenza de outros, resulta absolutamente necesario non deixar caer por nada do mundo.

Algúns de vós podedes estar pensando, e non me parece mal, que o que digo vén motivado polo feito de que, claro, xa se sabe, o calvo este é escritor e editor e daquela parte interesada… Sen embargo, o que digo nestas liñas é independente deste feito, digamos, laboral. Como onte sinalou o presidente dos editores españois, que se caia o sector do libro e, sobre todo, os nosos baixos índices de lectura, a ausencia de políticas efectivas para promovela, o mal estado xeral das bibliotecas, a súa baixa dotación que leva na práctica á desatención, todo iso e todo iso xunto, é un fracaso da democracia.

Agora que andamos na procura de camiños novos, máis democráticos, máis participativos, máis civilizados, de organización, é dicir, agora que por vez primeira dende a Transición nos atrevemos a dicir que queremos unha Democracia Real, é tempo que entendamos que unha sociedade na que non se le, na que o libro non ocupa un lugar estratéxico, na que as bibliotecas e a lectura non están como algo prioritario nas cabezas dos dirixentes políticos, que unha sociedade así non pode ser democrática. E xa sabedes que é o que hai fóra da democracia: fascismo.

Que lean máis os que nos gobernan. Igual así rematamos todos lendo máis tamén.

Os comentarios están pechados.