Wert: educar sen atender á tribo

Posted by franciscocastro - 03/02/15 at 12:02 p.m.

wert

O famosísimo dito reza que “para educar un neno é necesaria toda a tribo”, ou o que é o mesmo, que quen educa un neno ou unha nena é a sociedade enteira, non só os mestres e mestras, senón tamén os medios de comunicación, as familias… en definitiva, o conxunto da sociedade.

No caso de España, o principal responsable en materia de educación, o ministro Wert, fai as súas reformas de costas á tribo, sen lle facer caso nin pedir opinión, lexislando coa idea de favorecer aos seus, a saber, ás empresas privadas con intereses na educación. No seu día foi a LOMCE. Toda a tribo educativa (agás centros ultrarelixiosos e poucos máis), ou sexa, estudantes e profesorado, así como a práctica totalidade das asociacións de pais e nais (agás ás relacionadas coa formación católica) amosaron a súa repulsa. A tribo considerábaa unha reforma desastrosa. Pero Wert, que os ten moi gordos, os argumentos, seguiu adiante e sacou a lei.

Estes días, a totalidade dos reitores e reitoras das universidades españolas, indican que non lles parece ben a reforma dos grados ideada por Wert. Tanto é así que se rebelan en masa, din que ata 2017 non están dispostos a empezar a implantala e, no caso das tres universidades galegas, fan fronte común para loitar contra dela. As asociacións de estudantes xa anunciaron folgas para protestar. A tribo que ten que ser educada e a educadora non se identifica con estas reformas. Pero Wert, sen perder o sorriso, tan curriño el, sigue adiante.

De aquí só se pode concluir, que ou ben a tribo ou ben o ministro, que alguén ten un problema de mala educación.

Os comentarios están pechados.