A infanta está triste. Que terá a infanta? (sobre a mala educación)

Posted by franciscocastro - 30/01/15 at 12:01 p.m.

infanta

A infanta Cristina está “desgustada”, segundo comenta o seu avogado, Miquel Roca, por ter que vender o seu palacete de Pedralbes. Cito textualmente ao seu defensor: “porque non deixa de ser algo sobre o que depositara ilusións”.

O palacete véndese por 6,9 millóns de euros, como se ve, o precio normal dunha familia normal española, incluso das que, coma ela, teñen un problema de memoria e non lembran nada. Porque eles, imos ver, son como todo o mundo e teñen ilusións como todo o mundo. Por exemplo, a idea de ter unha vivenda. Unha cousa humilde, coma a casiña esa pequerrecha que tiñan.

O comentario do avogado é soez e de moi mal gusto. En España hai familias na rúa. Os bancos chaman á porta da xente para poñelos fóra porque non poden pagar os seus préstamos (por certo, a La Caixa aínda lle deben 4,4 millóns do préstamo hipotecario, como se ve, tamén, un banco xeneroso como o é sempre co resto das familias normais). Que o defensor pretenda provocar a pena da opinión pública falando da dor desta señora é, insisto, soez, de moi mala educación e, xa que estamos, de pésimo gusto.

Os comentarios están pechados.