Necesitamos unha prensa á altura das circunstancias

Posted by franciscocastro - 23/01/15 at 12:01 p.m.

Xornais

Xa o dixen tantas veces que canso de repetilo: necesitamos unha prensa á altura das circunstancias. Vivimos momentos de cambio importantes. A cidadanía fartouse de ser suxeito pasivo e converteuse, quere converterse, en motor de cambio. Por iso, hoxe máis ca nunca, a prensa (falo da tradicional, nomeadamente da escrita) debería facer o esforzo de entendelo e, na medida do posible, deixar de servir, como se lles nota que fan con descaro, á voz do seu amo, que os controla, en especial, a través da publicidade (certo alcalde de certa cidade do sur de Galicia inviste milleiros de euros en publicidade en certo xornal da mesma cidade alabando os seus propios logros: como ese xornal vai ser crítico con el se está a pagarlle as nóminas?).

Que a mocidade desertou da prensa escrita é unha obviedade. Non se sinten representados por uns medios que non ocultan as súas dependencias económicas nin ideolóxicas. Sen ir máis lonxe, hoxe, xornais como ABC ou La Razón non levan á primeira páxina a saída de Bárcenas de prisión. Ao non sacala, convirten un feito político crucial en invisible. Igual que o PP, como dicía onte, xa non lle chama Luís senón “ese señor”, algúns xornais simplemente non falan de Bárcenas e así é como se non existise.

O que pasa é que a xente non é parva. E búscase a vida informándose por outra parte. Na rede, onde, a pesar da Lei Mordaza, a día de hoxe, aínda non hai censura (un artigo coma este, non o publicaría ningún xornal escrito, verdade?)

Os comentarios están pechados.