Rajoy fala de Bárcenas coma un divorciado

Posted by franciscocastro - 22/01/15 at 12:01 p.m.

PicMonkey Collage

Cando a xente se divorcia, cando a xente se divorcia mal, quero dicir, e todo remata dun xeito, digamos, incómodo (a liña que separa o amor do odio é moi feble) os antigos marido-muller deixan de chamarse, polo xeral, polo nome, sobre todo cando se refiren a eles ou a elas diante de outros. A expresión é “ese señor” ou “a nai dos meus fillos” e expresións similares, como se houbese temor a mentar os nomes reais.

O nome propio é o primeiro que nos define. De feito, os que nos coñecen son incapaces de imaxinarnos con outro nome e un remata tendo cara de Francisco, de Rafael, de Ánxela ou Lucía. Ata que chega o desacordo e todo cae nesa sima escura do desprezo e o esquecemento.

Algo así é o que estes días está a amosar Rajoy, que deixou de dicir “Bárcenas” para dicir “ese señor”. No seu día mandoulle un mail moi moi moi moi persoal: “Luis. Lo entiendo. Sé fuerte. Mañana te llamaré. Un abrazo”. Aí é Luis. E apela á súa fortaleza. Unha mensaxe de confianza e camaradería.

Onte, diante dos xornalistas limitouse a dicir que “ese señor ya no pertenece al Partido Popular”. Xa non ten nome. Xa non é Luis. É, simplemente, ese señor.

Os comentarios están pechados.