Violencia no fútbol? Aprendan do balonmán ou do rugby

Posted by franciscocastro - 20/01/15 at 01:01 p.m.

Balonmán

Leo que veñen de nomear un novo responsable de seguridade da liga de fútbol. Xa é dabondo incrible que teña que haber un responsable de seguridade, que existan partidos de alto risco, que media policía montada do Canadá haxa que mobilizar de cada vez que hai unha cita futbolística máis ou menos importante. O señor que veñen de nomear afirmou onte que cada vez é máis seguro ir ao fútbol (non debería ser inseguro nunca) e que a violencia se está reducindo. Ou sexa, dixo frases baleiras.

Eu quero poñer o acento agora sobre os futbolistas, que son, tamén e en primeiro lugar, grandes responsables da violencia no fútbol.

E vou tentar explicar por que.

Deixando agora de lado as súas declaracións moitas veces faltas de respecto polo rival, ofensivas e, claramente incitadoras á violencia, o certo é que, polo xeral, o seu comportamento nos campos adoita ser maleducado, groseiro e, de novo, violento.

Explicáballo aos meus alumnos e alumnas cando era profe: esa imaxe dos xogadores protestando unha decisión, acosando ao árbitro, perseguíndoo polo campo adiante para que lle dea volta a unha decisión, acordándose da súa nai cando son expulsados…ese tipo de imaxes son violentas e antieducativas. Eu sei que Messi ou Cristiano teñen moito máis poder (o poder é a capacidade de influir noutros) que os profesores e as profesoras deste país. E cando eles cuestionan á autoridade, cando eles insultan, cando eles fan un mal xesto, están “normalizando” eses comportamentos que son, como ben deberían saber, imitados por millóns de persoas, algunhas delas, en periodo de formación. Seguro que a ningunha das grandes figuras do fútbol lles gustaría saber que o seu fillo lle protesta á profe, ou que a súa filla caga na nai da adestradora do deporte que practican. Pero nos campos de fútbol iso é o habitual deles.

Eu xoguei moitos anos a balonmán (velaí estou recollendo un trofeo) e lembro que antes do primeiro partido (eu era alevín), o adestrador dixo que a norma máis importante do xogo era, ao rematar, darlle a man ao rival. Logo, fun aprendendo que nese deporte, nunca se lle discute ao árbitro, que só miralo mal xa é motivo de expulsión. Coma no rugby. Todos eles deportes moito máis nobres onde a xente non se mata e, dende logo, se vive a rivalidade e o amor polas camisetas e os clubes coa mesma paixón que no fútbol.

Aprendan deles.

Os comentarios están pechados.