Noa, a cultura do amor e o 21 % de IVE

Posted by franciscocastro - 09/01/15 at 12:01 p.m.

noa

Esta noite non estarei vendo a Noa en Vigo. E non por falla de ganas, que son moitas, senón porque estarei no concerto de Javier Krake en El Ensanche, un dos mitos da miña adolescencia e que poderei gozar na compaña do meu fillo máis grande. Non sei cal das dúas cousas me fai máis ilusión. En fin, si que sei.

Mais de quen quero falar é de Noa, a cantante de Israel que vén de declarar que hoxe máis ca nunca o mundo necesita cultura, porque é a mediciña do amor. Teño lido moitas definicións de cultura e moitas explicacións de por que a necesitamos, mais esta paréceme das máis fermosas que lin nunca. En distintas entrevistas publicadas hoxe na prensa galega fala da barbarie que nos rodea e de como a cultura pode facer moito por mitigar toda esta desfeita.

Concordo e estou certo de que moitos e moitas de vós tamén. Agora só falta que o entendan os nosos gobernantes. Que o mundo iría mellor con máis cultura e educación e menos armamento e fanatismo. Porque o que teñen ben claro é o contrario, que en España lle meteron (ese presidente que prometeu non tocar o IVE se gañaba) un 21 por cento de IVE á cultura. Para encarecela. Para afastala máis da xente. Para facela máis e máis inaccesible. Ou sexa, para facer un pobo máis bárbaro, inculto e, polo tanto, máis doado de manexar.

Os comentarios están pechados.