A intolerancia é unha das bases de todas as relixións

Posted by franciscocastro - 08/01/15 at 12:01 p.m.

Charlie

No século XVII, e xa choveu, John Locke escribiu o seu Tratado Sobre a Tolerancia. Alí deixa claras as bases do que ten que ser un sistema de convivencia no que o pensamento distinto nunca pode ser motivo para o enfrontamento ou a discriminación. As ditaduras, por definición, son intolerantes. E ser intolerante significa, e vou dicir unha parvada porque é unha obviedade, non aceptar a quen ve o mundo distinto a min, a quen pensa distinto a min e, en definitiva, a quen quere vivir distinto de min.

O que onte pasou en Francia ten que ver co sinsentido xeral das relixións. Son consciente do pouco que a algúns lles pode gustar esta afirmación, pero as relixións, por definición, son intolerantes. Por suposto que todos os grandes líderes políticos relixiosos (todos homes, por certo) rapidamente condearon, e con sinceridade, os atentados. Especial importancia ten que a primeira autoridade islámica de Francia criticase tan duramente o que pasou lembrándolle a todo o mundo que o Corán repudia a violencia. Pero, na base, o problema de base é que as relixións son marcos conceptuais que están fóra da razón, son cosmovisións alleas á lóxica e ao sentido común. Por suposto que non estou a afirmar que todos os crentes son intolerantes. En absoluto. Pero as relixións si que o son.

Parten do feito de que a súa relixión é a verdadeira. O resto non. Parten da base de que o seu Deus existe. O dos outros non. Parten da base de que só os fieis chegarán ao Paraíso prometido tras a morte. Os infieis non.

E, finalmente, parten da base de que hai que convencer (aínda que moitos non queramos ser convencidos) da “verdade” aos que non cren nela.

No século XVIII, uns anos despois de Locke, outro filósofo, Inmanuel Kant, escribu nun libro titulado Que É A Ilustración? que a humanidade chegara por fin á maioría de idade porque agora ía guiarse pola razón, a ciencia e a lóxica.  Pero vese que non e tantos séculos despois as relixións siguen tendo un peso impresionante nas vidas, nas conciencias, nas escolas e nas decisións políticas. Unha importancia e un protagonismo que non deberían ter. Con iso si que cumpriría ser intolerantes.

Os comentarios están pechados.