Son as bibliotecas!

Posted by franciscocastro - 29/12/14 at 01:12 p.m.

Biblioteca

O outro día tiven unha agradable conversa cunha política do PP con responsabilidades de goberno, persoa racional, agradable e aberta a escoitar, sobre moitas cousas, entre outras, sobre como mellorar a educación no noso país. Puiden expoñerlle con calma como o vexo eu e argumentar a miña posición. Non é cousa de repetir aquí o que se falou (había máis xente: deportistas, familias, xente da cultura), pero si contarei que eu, sobre todo, cuestionaba a idea, tan querida polos que nos gobernan, de que todo pasa pola “dixitalización” (que tamén), por darlle a cada alumno e alumna un ordenador (que tamén) e esas cousas que, para as fotos da prensa, quedan moi ben. Os réditos políticos da primeira páxina do xornal co político entregando ordenadores ás aulas é evidente.

Coma sempre, falei do espello no que debemos mirarnos: Finlandia. E lembrei como alí colocan a biblioteca como o centro do coñecemento. Falei de que hoxe non ten sentido seguir insistindo nun modelo (que ven da época medieval, nin máis nin menos) que parte do feito de que alguén que sabe (o magister) lle fala aos que non saben (os discentes). Porque o certo é que os alumnos e alumnas, nas súas tablets ou teléfonos móbiles teñen xa todo o acceso, e máis, á información. A educación non pode seguir sendo cuestión de uns transmitindo e outros recibindo. Porque así xa non funciona. Non neste mundo. Non no século XXI.

Daquela, lembrei o de sempre: a resposta está nos libros, nas bibliotecas, na lectura. Falamos, moito, da importancia de ler. E de como un alumnado que non le e, xa que logo, un alumnado que non entende o que le, é incapaz de resolver un problema matemático (porque non entende o enunciado) ou aprender inglés (que é en aínda demasiadas ocasións cun libro de texto ou fichas polo medio). Falei, en definitiva, do grave que me parecen os recortes educativos e, sobre todo, no que atinxe ás bibliotecas. É fundamental que non se lles recorte. Nin ás escolares nin as municipais nin as estatais. De feito, son quen de imaxinarme dez millóns de cousas nas que si que poderían recortar e non o fan. Pero non nas bibliotecas.

Queren de verdade que saiamos do fondo máis fondo do informe PISA? Daquela, a resposta é obvia: son as bilbiotecas.

Os comentarios están pechados.