Están privatizando a sanidade

Posted by franciscocastro - 11/12/14 at 12:12 p.m.

sanidade privada

Hoxe limos na prensa un informe da patronal de seguros ICEA que amosa a relación directa entre o deterioro da sanidade pública e a bonanza da sanidade privada. Datos moi claros e indiscutibles como que as aseguradoras médicas (que non terían razón de ser cunha sanidade pública máis eficaz, sen listas de espera, etc.) suman 290.000 clientes en nove meses e que o volume de negocio subiulles un 3,4% ata setembro ata gañar 5.214 millones de euros. A cantidade, como vedes, non é pequena. Así pois, parece como que cando menos hai grupos que non están para nada interesados en que a sanidade de balde funcione pois, se tal pasa, se lles desmonta un chiringuito do que sacan moitos beneficios. E por se alguén ten dúbidas, a información sinala que as clínicas privadas facturan 4.000 millones (como vedes, moi pouquiño) grazas ao incremento de pólizas sanitarias. Entre unha cousa e a outra estamos a falar dun negocio de arredor de dez mil millóns de euros. Non de pesetas, sédeme modernos. Dez mil millóns de euros. Como para acabar con el.

A sanidade privada gañou no último ano case que trescentos mil novos clientes. Cómpre dicir “clientes”, non “doentes”. Porque aínda que sexan persoas enfermas ou que queiran estar máis cubertas se enferman, o certo é que se os servizos que se lles dá os tiveran (que en realidade os teñen) dunha maneira inmediata, sen esperas, ou sen moitas esperas, e completas, ninguén había pagar por elas agás os pijos moi pijos, que sempre che hai en todas as partes.

As aseguradoras médicas saben, e con absoluto impudor recoñecen, que boa parte deste éxito empresarial en plena crise ten que ver coa mala imaxe (“de deterioro”, sinalan) que a sanidade pública ten nos últimos tempos e tamén e sobre todo, pola incerteza de non saber se imos seguir gozando das coberturas universais e de balde que ata o de agora tiñamos. De feito, xa pasa e hai probas que antes podiamos facer sen ter que pagar por elas que agora xa non cobre a Seguridade Social. O mesmo acontece con moitos medicamentos, sobre todo para pacientes crónicos, que antes cobría o sistema público de saúde e agora ten que cobrir a túa carteira…se é que a tes con cartos dabondo para que che cobra.

O goberno, pola súa banda, axuda a que a sanidade pública se deteriore máis aínda, recortándolle o orzamento un 5,3 por cento, o que é unha barbaridade de recorte que se nota, e moito, e que, de paso, axuda aos empresarios da saúde privada a facerse máis e máis ricos.

Queiran recoñecelo ou non, na práctica, están privatizando a sanidade.

Os comentarios están pechados.