No Día dos Dereitos Humanos unha pouca de demagoxia e populismo

Posted by franciscocastro - 10/12/14 at 11:12 a.m.

Dereitos HumanosÉ curioso que onte fose, segundo o calendario da ONU, o Día Internacional contra da Corrupción e hoxe o Día dos Dereitos Humanos, porque, sen dúbida, ambas as cousas están moi relacionadas. Porque se no mundo non houbese a corrupción que hai probablemente os dereitos humanos se cumprirían máis. Por suposto que a frase que veño de escribir é a típica que fará que máis de un e de unha solten iso de que xa estamos con demagoxias e populismos (xa sabedes, dende hai un tempo, todo o que sexa de sentido común é demagóxico e populista; non é necesario argumentar en contra, vós dicide que iso é demagoxia e populismo e xa está).

O certo é que cada catro segundos morre unha persoa no mundo (nomeadamente menores) por asuntos que poderiamos evitar repartindo mellor a riqueza, axudando, sendo máis solidarios (os países, os do Primeiro Mundo, os que vivimos subidos sobre o afundido -por nós- Terceiro Mundo), non gastando en armamento e en parvadas innecesarias, sobre todo, porque hai urxencias moi urxentes relacionadas coa calidade de vida das persoas. Pero non o facemos. Por corrupción. E o certo é que moitas guerras poderían evitarse pero sempre hai xente, corrupta, interesada en que empecen os conflitos e lucrarse. E o certo é que a industria farmacéutica é a menos interesada en acabar con certas enfermidades, porque son uns corruptos que prefiren a morte dos pobres (aos ricos adóitalles importar ben pouco estas cousas, para isto está a sanidade privada) que as vida dos que é mellor que enfermen. E o certo é que os gobernos salvan os bancos e non ás persoas, porque uns e outros son uns corruptos.

E así podería seguir.

Velaquí quedou, hoxe, o meu artigo demagóxico e populista.

Os comentarios están pechados.