Os libros. A lectura. A escola

Posted by franciscocastro - 04/12/14 at 12:12 p.m.

Nenos lendo

Así como en Finlandia saben e teñen moi claro que gran parte do éxito educativo e dos bos resultados que sacan no famoso informe PISA ten que ver co feito de que o ensino gravita arredor da Biblioteca, por aquí, que pasamos de imitar a esa xente (aquí  fixámonos máis en nós mesmos, no embigo propio, no xeito noso de facer todo sempre tirando para adiante segundo o criterio wertgoñento do político que mande), cremos que do que se trata, cando de ensino de calidade falamos, é de que haxa computadores na aula, pizarras dixitais e programas de aprendizaxe na nube (ou peor: pensamos que o ensino de calidade ten que ver coa hípica, o esgrima ou o trilingüismo harmónico ou desharmonizado). Que non digo que non, ollo. Que non digo que non haxa que ter computadores na aula, pizarras dixitais e programas de aprendizaxe na nube. Máis ben digo todo o contrario, tendo claro como o teño que as tablets e os móbiles teñen que ser os libros de texto no futuro. Mais, como facemos sempre, o que non podemos é sermos reduccionistas e pensar que, como por aí vai ir parte do futuro, daquela, xa hai que esquecerse do libro e do papel. Para nada. Sobre todo do que non hai que essquecerse é do libro literario. Ese si que é máis que necesario se o que queremos (outra cousa é que os políticos con responsabilidade en educación queiran) é formar xente que pense.

A nova rapazada ten, falade cos profes e as profes que volo explicarán, de cada vez máis problemas para manter a atención. E ollo, non é que teñan déficit de atención. Cando teñen que estar atentos están atentos. O que lles custa é seguir unha clase falada dunha hora seguida.

O problema é que non se pode seguir mantendo un sistema de aprendizaxe do século XIX no que alguén que sabe (profesor/a) chega cando uns que non saben (alumnado/a) e sóltalles, a través da palabra, o coñecemento esperando que o collan e o metan dentro e pasen así a saber. O xeito de aprender cambiou, entre outras cousas, porque os coñecementos xa están por todas partes. Entre outras, no móbil. Aí está todo o que se necesita saber grazas á absoluta interconexión na que agora estamos. Outra cousa é que teñen que aprender as estratexias para procesar, entender, criticar, etc. a información e os coñecementos. Aí é onde o concurso do profesorado resulta crucial. Pero o que  non se pode é pensar que vale o modelo anterior. Eles e elas viven agora nun mundo interconectado onde todo está próximo, inmediato. A golpe de clic. Por iso, tamén, lles custa tanto esforzarse, ser constantes, perseguir un obxectivo, esperar, ser pacientes. Como han facelo se a nada que se mergullen na rede xa teñen todo? E xa non coñecementos, tamén entradas para o cine, xente coa que parolar, a película desexada… todo.

Por iso falo da importancia dos libros e da lectura no mundo escolar. Ler un libro, mergullarse nunha historia, implica concentrarse, implica facer as cousas con vagar, implica meterse noutro mundo distinto deste. Ser constantes, pacientes, esperar… Nun momento no que todo vai a mil por hora (por iso xa non aturan as pelis de antes, con diálogos, con planos-secuencia longos, etc.), nun intre da historia na que todo é fugaz e efémero (e isto ten consecuencias graves: dificultade para manter a atención, lectura superficial das cousas, incapacidade para entender mensaxes complexas, etc). o libro pode erixirse como ese magnífico invento que nos pide sosego e concentración, tranquilidade; tempo para gozar con calma dunha boa historia; elementos para medrar en coñecemento pausado e profundo.

A lectura só ten beneficios.

E hoxe, neste momento ruidoso e comunicativamente en fervenza, o seu exercicio pode ser altamente educativo.

Os comentarios están pechados.