No Día Internacional da Discapacidade

Posted by franciscocastro - 03/12/14 at 12:12 p.m.

Diversidade

Hoxe, que se celebra o Día Internacional da Discapacidade o que cómpre é lembrar que si, que todos somos diferentes, pero que absolutamente todos somos iguais en dereitos. E convén lembar que, debido aos recortes humanicidas co que nos castigan e que sempre mallan nos máis febles, eses dereitos pasan a ser só teóricos, desaparecendo na práctica, quedando só a posibilidade dunha vida máis ou menos digna para quen poida pagarse esas axudas. Non lle recortaron ao Ministerio de Defensa, sigue habendo privilexios para quen o merece, pero para as persoas que necesitan máis axuda, para as que pagamos felices impostos, a eses si que se lles recortan nas axudas, saen das listas, se lles limitan os recursos e, así, tamén a súa vida.

No Día Internacional da Discapacidade hai que esixirlle á sociedade que sexa, precisamente, capaz. O que nos diferencia dos bárbaros é que organizamos a vida para que aqueles que necesitan unha man que a teñan, para que aqueles que precisan da colaboración de todos que a reciban. Non é, precisamente de recibo, ler que nenos e nenas que precisan de profesor ou profesora de apoio para poder seguir as clases con normalidade que teñan que deixar de ir ao colexio, como ás veces lles pasa, porque ese día non hai profe. Non é de recibo que lles neguemos así o futuro, que lles poñamos máis pedras no camiño das que xa eles por si mesmos traen consigo polas súas circunstancias.

No Día Internacional da Discapacidade cómpre lembrar que todos, sexamos dun xeito ou outro, podemos cantar, podemos gozar da vida, podemos sentir. Pero que para iso é necesario que quen ten que tomar decisións non as tome para negalos coma persoas. Convén lembrar que o mundo só ten sentido se o facemos para todos, non só para os que non teñen problemas. O doado é ocuparse de quen non dá traballo. Mais o moral, o xusto, o democrático, é facelo para todas as persoas, tamén para ás que lles custa un chisquiño máis, para as que aprenden a outro ritmo, para os que chegan máis tarde pero que tamén chegan.

No Día Internacional da Discapacidade quero sentirme orgulloso. De todas as persoas que constrúen na dificultade. Pero, tamén, dunha sociedade que está á altura deses corazóns grandes cheos de luz que son eses seres humanos que fan de cada día unha batalla e, ademais, son quen de gañala.

Os comentarios están pechados.