Xente que fai política

Posted by franciscocastro - 01/12/14 at 08:12 p.m.

Votos

Teño para min que o que máis lles amola aos que nos gobernan (estean ou non no goberno) non é tanto o ascenso de forzas políticas alternativas (nunca a ninguén lle foi tan ben sen ter que facer absolutamente nada, nin sequera sen ter programa), senón o feito de que agora, á xente, se lle deu por facer política.

En realidade o que lles amola é isto, porque, ata o de agora, as forzas políticas, digamos “populares” (no senso de contar coas bases, escoitar aos simpatizantes, etc.), era algo que, máis ou menos (tampouco sexamos esaxerados, algunhas forzas que agora din que levan toda a vida facéndoo, incluso forzas galegas, fixérono “daquela maneira” e sempre dun xeito tan controlado), eran tres ou catro, e agora hainas por todas partes. Por iso están nervisosos os políticos tradicionais. E empezan a dicir cousas sorprendentes como que eles son “revolucionarios”, que están “indignados”, e cousiñas así que non se cren porque, entre outras cousas, non son quen nin de imaxinar o que é a desesperación da xente. O que lles desespera é perder votos, por iso cambian a linguaxe.

Con razón alguén dixo que hai unha especie de “podemización” dos grandes partidos.

Ata o día de hoxe o páramo do bipartidismo (tripartidismo por aquí) era precisamente iso, un páramo. Non había que preocuparse moito. Facíanse as listas segundo o xeito de cada quen: a dedo, no caso do PP, loita de baróns, no caso do PSOE, e equilibro, máis ou menos, non esaxeremos, de forzas dentro do BNG. Pero os partidos facían e os partidos desfacían. Ou mellor dito: as cúpulas dos partidos facían e desfacían. E a xente, xa sabedes, pendentes de se Messi ou Cristiano ou Belén ou o fulano da lotaría, que se lle esqueceu mercala e menos mal que lle gardaron un décimo.

Agora, á xente, déuselle por espertar, por facer política, por estar no mundo.

E están todos co pé cambiado, descentrados, nerviosos, entre outras cousas, porque ese tipo de política non saben facela.

Os comentarios están pechados.