O fracaso na batalla pola igualdade

Posted by franciscocastro - 27/11/14 at 11:11 a.m.

tom-ford-for-men-1-1440x900-fashion-wallpaper

Onte, falando coa rapazada de distintos institutos de Ourense en Allariz sobre o meu O CORAZÓN DA BRANCA DE NEVE, saiu un asunto que me preocupa e sobre o que me deron a razón. Explicáballes o moito que me indigna e quita o sono ver que formas do machismo máis virulento están a callar, e con forza, de novo entre a xente máis nova. Comentamos un informe recente feito a nivel de todo o Estado e que di que dous de cada tres rapaces consideran que a muller debe de estar na casa e o home traballar. E outros que sinalan que hai moitas rapazas que empezan a asumir ese rol secundario, dependente do varón, como o “natural”. Conteilles o do anuncio de Nenuco, que sigue dicíndolle ás cativas que teñen que ser “la mejor mamá”. E conteilles da televisión, que comenta a roupa de Letizia, o seu “estilo”, reducindo o seu papel a ser un obxecto, unha cousa supostamente bonita e decorativa, mentres que do look sosón, repetitivo, monocorde, do traxe-sempre-igual de Filipe non se di nada. E os medios fano coa raíña e con case que todas as mulleres. Nos medios de comunicación, polo xeral, son tratadas como carne ao servizo do consumismo e á obediencia ao varón. Na publicidade, nas revistas tipo Cosmopolitan. Nos anuncios, como digo, con ese ideal de Barbie. A muller, sempre reducida a un obxecto para o goce masculino, pero sempre un paso por detrás, sempre nun segundo plano, sempre disposta, sempre obediente.

E falamos, polo tanto, do fracaso. Das décadas de loita das mulleres e de poucos homes a prol da igualdade. E díxenlles que son feminista e que é unha debilidade mental non selo. Así llo dixen porque creo que é unha debilidade mental considerarse máis por ser home, ou por ser rico, ou por falar castelán, ou polo que sexa. E que é unha debilidade mental non loitar pola igualdade porque non facelo implica ser cómplices da inxustiza.

Cómpre reflexionarmos sobre este fracaso.

Porque provoca mortes.

Os comentarios están pechados.