A duquesa

Posted by franciscocastro - 20/11/14 at 11:11 a.m.

duquesa

Vaia por diante que lamento a morte de calquera ser humano. Non máis a desta muller que a doutra moita xente que non coñezo. Non menos, tampouco.

O que quero dicir é que hoxe que as redes sociais xa ferven falando do pasamento de Cayetana Fitz-James Stuart e xa empezan os eloxios (entre outros, que era unha rebelde…alucina vecina) apetéceme dicir un par de cousas.

Por exemplo. Que non entendo que no século XXI, nun estado democrático, existan duques, marqueses, condes e todo iso. En Alemaña, logo da segunda guerra mundial fixeron unha lexislación chulísima que, entre outras cousas, se cargaba todos eses títulos nobiliarios. Na meirande parte dos países civilizados, por certo, estas distincións non existen. Porque estas son cousas da Idade Media, cando as diferenzas eran claras, notorias, e os dereitos tamén. Estas Grandes Casas, a de Alba, e outras, non teñen sentido a día de hoxe. Todos somos iguais e non debe de existir tratamento legal diferenciado. É gravísimo que legalmente siga existindo “a nobreza”, que os Reis teñan a potestade de outorgar condados, ducados, marquesados…que cousa máis repugnante.

E por seguir dicindo, digo que esta muller, o seu patrimonio (que vén como o seu fillo lembraba, todo orgullosiño el nun programa de televisión hai nada, dende o século XIII e conseguido “coa espada”), anda seica polos 2800 millóns de euros segundo a revista Forbes, sobre todo, en terras, en Andalucía, unha rexión machacada pola pobreza, dona de extensións de campos sen cultivar que poderían ter axudado moito a aliviar a pobreza da xente. Non tería sido nada malo terlle visto repartir.

E por seguir dicindo: esta muller, en tanto que duquesa, representou o peorciño da España rancia, resesa, e pailana. De provincias no peor sentido da palabra.

En fin, que creo que nos esperan uns días realmente espantosos con tanta parvada.

Os comentarios están pechados.